Thursday 02 de May de 2024

A I Bandeira Camiño do Barbanza A Orixe reunirá a un total de 11 traiñeiras


As traiñeiras volverán botarse ao mar neste 14 de agosto con motivo da I Bandeira Camiño do Barbanza A Orixe, organizada polo Club Remo Puebla e que conta co patrocinio do Concello da Pobra do Caramiñal e coa colaboración da Protección Civil. Trátase da terceira regata que vai transcorrer no municipio neste verán, despois de que no mes de xullo se disputasen a XVI Bandeira Concello da Pobra e a I Bandeira Feminina Alicrusa, pero, nesta ocasión, a Bandeira atópase adscrita ao calendario de competición da Liga Galega de Traiñeiras (LGT) B, na cal compite o equipo B da mencionada entidade deportiva pobrense. Así o deron a coñecer o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra); a técnica municipal desta área, Ana Romero; e Carlos Lijó e Carmela Fernández, no nome do Club de Remo Puebla.

A regata iniciarase ás 18.30 horas nas inmediacións do peirao comercial e reunirá a un total de 11 traiñeiras que competirán por acada-la bandeira. Así mesmo, repartiranse como premio un total de 6000 euros entre tódolos equipos participantes, en función do estipulado pola normativa. A distancia será de 5556 metros, nun campo de 4 rúas, repartidos en 6 longos.

O rexedor expresou o esforzo que supón para o Concello patrocinar unha segunda bandeira, pero que a decisión vén motivada “polo inmenso éxito que está tendo o club, non só en resultados, senón en número de persoas que están practicando ese deporte hoxe en día.” Unha acción que agradeceron as persoas representantes da entidade deportiva pobrense ao manifestar que “vai ser un paso para as xeracións novas”, pois salientaron a afluencia de deportistas, especialmente, nas categorías base.

O evento seguirase dando cumprimento ás medidas establecidas por mor da COVID-19.